3. Francotirador.

Podería acostumarme a isto. Quero dicir, estou illado neste planeta, sen fogar, sen rumbo e sen tecnoloxía giblónica, mais non é tan malo. Probablemente de chegar a conectar de novo con Base7, ficarei despedido e adeus ao meu emprego, ao programa de exploración espacial e á miña estabilidade económica. Podo imaxinar a cara de satisfacción de Iguané unha vez cumplido o seu obxectivo. Non é ningún segredo o feito de que me ten no seu punto de mira desde que fun asignado a Base7 e procura arredarme. O porqué é simple: leva anos enredando para enchufar á súa parella nesta base. Cando os directivos decidiron incluirme a min, o aparente conformismo de Iguané (para facer a rosca e non levar a contraria aos superiores) non foi máis que mera fachada e desde que me incorporei, espera cada descoido e cada erro para desacreditarme. E vaia forma de facelo! Hai certa violencia na súa forma de dirixirse a min.

Se cadra é iso. Que non boto de menos esa sensación: erguerme cada día sabendo que teño a un tío coa escopeta cargada (metaforicamente falando, claro) esperando atinarme na testa. Non sei o que quero, pero ben sei o que non quero, e precisamente por iso este respiro resulta tan refrescante! Pero non durará sempre. Antes ou despois terei que entrar de novo no xogo: procurar teito, traballo e moi probablemente aturar un novo Iguané. Inda que desta volta vou xogar na Terra e como humano, non sei por que pero teño a sensación de que o sistema de emprego giblónico e terrícola teñen máis cousas en común das que me gustarían...

... como os francotiradores, por exemplo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario