4. Fillos da anarquía.

Ás veces miro atrás e penso se o fixen ben. Recordo que levaba unha vida totalmente folgada e disoluta. Hoxe durmo aquí, mañá acolá, na casa dos amigos, nun caixeiro, de ocupa en donde cadre... Non sei ben como acabei rondando polas rúas de Ferrol. Daquela quedaba bastante cun estudante de inxeniería industrial que coñecín no Campus de Esteiro, unha desas tardes nas que aproveitaba o solpor tépedo para botar algunha cabezada na herba mol do campus, libre de cagadas de can. Agradábame a súa conversa e forma de ver o mundo, sana filosofía aderezada con toques hippiescos e empapada de renovadas ideas humanistas dos séculos XV e XVI. Gardo un grato recordo das nosas paroladas ao sol, cunha pluralidade de temas danzando alegremente: cine, ciencia, cultura, filosofía, música, mozas, literatura, festas e noites interminables, viaxes... Cando lle falaba de Giblon pensaba que eu estaba tolo e o mesmo me pasaba min cando el me falaba de Escocia. A miúdo a súa xenerosidade me ofrecía o acubillo do seu piso de aluguer e con moito gusto aceptaba eu un teito e un plato de comida quente. Lembro que era xa unha tradición instaurada ver series mentres ceabamos. Así coñecín as series do momento: "Heroes" (a cal me producía unhas ensoñacións maravillosas, véndome a min mesmo cual Hiro Nakamura controlando o tempo e o espazo), "Lost" (serie que deu lugar a interminables debates entre nós) e "Sons of Anarchy" (punto de inflexión no meu modo de vida).

Meu amigo parecía ter especial predilección por esta última, uns fillos da anarquía que tanto nos facían pensar sobre a vida, os grupos sociais e a forma de gañarse o pan. Sons of Anarchy é unha serie estadounidense que fala da vida dun grupo de moteiros, entusiastas das Harley Davidson, organizados, violentos, e ubicados no pobo ficticio de Charming, ao norte de California. Ben sabido é que en todos lados cocen fabas, verduras e demais legumes, pero o destes homes ten tela. Trafico de armas, drogas, extorsión, roubos e prostitución entre outros. Disfrutaba moitísimo da orixinalidade e do politicamente incorrecta que era esta produción cando de súpeto xorde esa voz interior que ás veces aborda os meus pensamentos: "teste que integrar na sociedade, facer o 'correcto'; esta xente acaba mal, e eles alomenos viven a tope, teñen mozas e unha pedazo de moto; ti só tes a túa bici destartalada así que non podes seguir de fillo da anarquía por moito máis tempo; consegue un traballo e amaña a túa vida."

Dito queda, próxima misión: cambio de vida.


No hay comentarios:

Publicar un comentario