2. Vagabundo.

Levo unha semana vagabundeando. Teño frío, fame e as veces chove. A cidade non é tan cruel cando aprendes a durmir nos caixeiros e a aproveitar a comida que sobra de restaurantes e supermercados. Prefiro non pensar na nave, que quedou fatal aparcada nalgún punto da costa cercano a este núcleo urbano. Seguro que non houbo de chamar a atención coa pantalla de camuflaxe activada, e a estas alturas, pode que o sistema de recuperación fose activado desde Base7 e adeus o meu billete de volta. Agora entendo porque o manual era tan explícito con aquilo de levar o comunicador encima en todo momento. Que fácil sería facer unha chamadiña e aguantar de novo os berros de Iguané!


Contodo, hai que mirar as cousas con optimismo. Estou aprendendo moito. Coñecín na praza principal a varios humanos que parecen compartir a miña situación. Eles ensináronme desinteresadamente algúns trucos que me foron ben útiles chegado o momento. Manter a calor corporal, o bandullo cheo e os sentidos anubrados, parecen a meta de moitos deles. Pero hoxe pasou algo especial. Ademais de alimentar o corpo alimentei a alma. Un deles faloume dunha proxeción de balde nun vello cine dos arredores, e aló fun, pensando máis que noutra cousa no quentiño que ía pasar dúas horas deste frío e chuvioso xoves. E aí a estaba: ‘Tempos Modernos’, de Charles Chaplin.



O filme parece desenvolverse nun pasado non moi remoto. Os humanos xa inventaran máquinas industriais, pero en lugar de empregalas para mellorar a vida das persoas, eran usadas polo empresario para aumentar os beneficios. Desde logo, iso non melloraba a vida dos traballadores senón que os esgotaba ate enfermalos. Despidos, pobreza, folgas, fame, revoltas e represión policial completan o cuadro. O noso protagonista, símbolo da clase obreira, non tarda en padecer estes males. que o levan a perder o seu traballo, a súa cordura e incluso a súa liberdade. Pero hai algo nel e na súa actitude que me reconforta. Sen ocupación, sen fogar, sen cartos… sae adiante! Del aprenderei a non desesperar. O método: a improvisación. Sempre caótico, sempre creativo. As súas andainas, a miña inspiración. E, quen sabe? Pode que cun pouco de sorte e a enerxía axeitada, eu tamén consiga a moza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario